viernes, 4 de mayo de 2012

Valentín Paz-Andrade

Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898 e falecido en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista. En 2012 adicaráselle o Día das Letras Galegas.

Actividade antes da guerra civil

Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra, cando este fixou a súa residencia en Pontevedra, en 1916.
En xullo de 1922 nace o xornal Galicia. Diario de Vigo, do que nun primeiro momento é redactor xefe, e dende o mes de agosto director, ata a súa desaparición o 15 de setembro de 1926, pechado na ditadura de Primo de Rivera. En xullo de 1924 foi detido pola publicación de dous artigos en Galicia, polos que tivo que pagar unha multa e permanecer no cárcere quince días.
En 1934, cando con ocasión do Bienio Negro foron desterrados -o 23 de novembro- Castelao a Badaxoz e Bóveda a Cádiz, Paz Andrade asumiu -con moitas reticencias- a Secretaría Política do Partido Galeguista.
Ti sabes ben que eu non podo nin quixen endexamais furtarme a ningún esforzo pol-a Causa. Menos podería facel-o si ti es quen o recrama, e nun intre como o de agora. Mais compre enfocar as cousas abxetivamente, pola cara da eficacia. E xusgo que nin o Partido lle convén o que propós, nin eu me atopo en situación de encarar esa responsabilidade
Carta a Castelao, 3 de decembro de 1934.

Obra

Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.



CANDO TI VOLVAS

NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti volvas polo mare;
cando ti volvas polo mare...

Galiza, 1954

No hay comentarios:

Publicar un comentario